sexta-feira, junho 24, 2005

Lingüística computacional

Son moitas as definicións e clasificacións do que é a lingüística computacional desde que na década dos 50 nace en Estados Unidos no ámbito, como case sempre acontece con este tipo de cousas, do apoio á espionaxe.
O único no que todas as definicións coinciden é que é unha ciencia interdisciplinar que abrangue o campo da lingüística e o campo da informática. Alén diso, nesta rama da ciencia a terminoloxía é moi variada segundo as diferentes tendencias e, incluso, os mismos termos poden referirse a diferentes feitos.
Aínda que son moitas as aplicacións da lingüística computacional, na actualidade as máis usadas son os analizadores sintácicos, morfolóxicos e semánticos; os conxugadores; a aplicación en corpus; os correctores; os flexionadores; os lematizadores; etc. Todo isto serve non só para facilitar considerablemente as investigacións lingüísticas, senón ao público en xeral, especialmente na recuperación de información.

Política lingüística

Despois de estas últimas semanas (aínda que semellaron anos) de campaña electoral oficial e oficiosa puiden chegar á confirmación do que xa sospeitaba: os políticos non o fan nada ben. Vaia, se cadra, dito así isto pode soar raro, polo que rectifico: os políticos, entre outras moitas cousas que non fan nada ben, non saben falar galego.
Suponse que os políticos son os nosos representantes, pero, a verdade, eu non me podo sentir identificada con alguén que de cada cinco palabras, tres as dí en español; ou que para o que máis usa a nosa lingua é para insultar; ou que vaia a ter erros lingüísticos tan profundos no seu discurso.
Se cando un cidadán quere optar a un posto dentro de calquera entidade dependente dun organismo oficial galego ten que pasar un exame ou facer un curso de galego, non entendo a razón pola que aqueles que van pasar catro anos nos gobernos municipais ou autonómicos están exentos deste requisito.
Para que tanto esforzo e cartos investidos en política lingüística facendo o plan xeral de normalización para a lingua galega (PXNLG) se eles son os primeiros en non cumprilo?

quarta-feira, junho 22, 2005

Chanchullos

Os chanchullos, como todos sabemos, están á orde do día no noso país (mais non só), tanto que algúns xa fixeron diso incluso unha arte: a arte do chanchullo.
Para evitarnos múltiples desilusións ao longo da nosa vida, debería ser esta arte materia escolar desde a primaria, por aquilo de chegar cun certo nivel de perfeccionamento á idade adulta.
Supoño que a estas alturas do conto xa te estarás preguntando a que vén isto agora... Pois ben, vén a algo que me aconteceu hai un par de días, cando chamaron ao meu teléfono ás nove da mañá dun luns. Con esta voz tan doce que nos produce calquera resaca contesto:
-Si?
-Ola, son Tal, o conserxe do colexio.
(Chegados a este punto hai que aclarar que din clase de iniciación ao galego para adultos nun colexio de certa vila do que, como é obvio, o meu interlocutor era conserxe –aínda que apenas ía por alí-).
-Ah! Si, dime.
-É que mira, teño aquí ao meu xenro, que se ten que presentar ás oposicións dentro de dúas semanas e, claro, esíxenlle ter os cursos de galego e é que...[eu pensando xa que ía ter traballo de novo] pois... por se podías axudarlle ti algo... [si,si, traballo, traballo!!] facerlle aí un chanchullo, xa sabes, para darlle o diploma...
Non sei que me sentou peor: que me pedise que lle fixese un chanchullo ou que non me dixese nada dun traballo. Pero o mellor non foi isto, senón cando me deu a seguinte explicación:
-É que claro, foi unha pena, porque eu non me din conta antes de que se apuntase, senón cun par de días que fose a clase xa lle chegaba para darlle o título.
Seguramente o conserxe non se lembraba da conversa que tivemos o primeiro día de clase, no que me dicía que ao xenro en cuestión lle viría moi ben o curso para as oposicións e tampouco se lembraba cando eu lle dicía que se quería aínda estaba a tempo de se incorporar ao curso...
Afortunadamente para min puiden ser moi correcta, sen dicirlle o que eu realmente pensaba do xenro, del e do chanchullo, dicíndolle a verdade:
-É que éme imposible facer nada, porque xa entreguei as actas...
En fin, creo que xa hai chanchullos de abondo en xeral, e nos cursos de galego da Xunta en concreto, como para que eu tamén contribúa con máis un.

quarta-feira, junho 08, 2005

Que imos facer con nós?

Na Galiza contamos cunha institución que vela polos intereses da nosa lingua: o Centro Ramón Piñeiro (cirp), ou iso en teoría... Na realidade non semella que sexa ese o caso, especialmente se vemos a súa web, que non actualiza máis que as convocatorias de bolsas, ... con catro ou cinco meses de retraso, porque o resto da web tamén ten unha desactualización de catro ou cinco, pero anos. Efectivamente, incríble pero certo...
Un claro exemplo do funcionamento desta institución é o proxecto do Eurowordnet para o galego: a eurowornet é unha especie de rede ontolóxica, de ordenación do mundo, que serve de base en diversos proxectos; pero non debe ser o suficientemente interesante, porque aínda que hai cinco anos que o Centre de Llenguatges i Computació (CLiC, algo así como o que debería ser o cirp, pero para o catalán) deu ao cirp as ferramentas precisas para crear o Eurowordnet para o galego, o único que fixeron desde aquela foi poñerlle un nome (Galwordnet) e recibir as subvencións da Xunta.
Pero tamén ten feito algunhas cousas moi interesantes, como o proxecto Cotovía, un sistema de conversión texto-voz bilingüe para galego e castelán.

sábado, junho 04, 2005

O galego e as novas tecnoloxías

Se navegamos pola rede atopamos un número razoable de páxinas web en galego tendo en conta a poboación –especialmente a de menor idade, son os que máis empregan a informática e a internet-, pero contrariamente ao que poderíamos pensar nun primeiro momento debido a este feito a cousa cambia se do que se fala é da relación do galego coas novas tecnoloxías.
Si, é certo, hai algunhas cousas xa feitas moi interesantes (a tradución do Windows ao galego, a recente tradución do Office 2003, o corga, o tilg –aínda que só funciona ás veces-, un produtor de voz, etc..), pero noutros moitos aspectos o galego está moi detrás, non só do inglés ou o español, senón de calquera das outras linguas peninsulares.
E por que acontece isto? Suponse que se hai unha porcentaxe proporcional tan alta de páxinas web en galego é que hai un público potencial para a consumición dos produtos que poden ser desenvolvidos. É, daquela, falta de visión comercial? Eu penso que tampouco, en tal caso un exceso: para que facer unha inversión nun proxecto se nos podemos entender perfectamente co que xa hai en español? Ao meu parecer, e baseándome na miña experiencia como docente nos cursos de galego da Xunta, este é o pensamento –que case roza o extremo da vagancia- xeralizado entre a poboación galega.