quarta-feira, junho 22, 2005

Chanchullos

Os chanchullos, como todos sabemos, están á orde do día no noso país (mais non só), tanto que algúns xa fixeron diso incluso unha arte: a arte do chanchullo.
Para evitarnos múltiples desilusións ao longo da nosa vida, debería ser esta arte materia escolar desde a primaria, por aquilo de chegar cun certo nivel de perfeccionamento á idade adulta.
Supoño que a estas alturas do conto xa te estarás preguntando a que vén isto agora... Pois ben, vén a algo que me aconteceu hai un par de días, cando chamaron ao meu teléfono ás nove da mañá dun luns. Con esta voz tan doce que nos produce calquera resaca contesto:
-Si?
-Ola, son Tal, o conserxe do colexio.
(Chegados a este punto hai que aclarar que din clase de iniciación ao galego para adultos nun colexio de certa vila do que, como é obvio, o meu interlocutor era conserxe –aínda que apenas ía por alí-).
-Ah! Si, dime.
-É que mira, teño aquí ao meu xenro, que se ten que presentar ás oposicións dentro de dúas semanas e, claro, esíxenlle ter os cursos de galego e é que...[eu pensando xa que ía ter traballo de novo] pois... por se podías axudarlle ti algo... [si,si, traballo, traballo!!] facerlle aí un chanchullo, xa sabes, para darlle o diploma...
Non sei que me sentou peor: que me pedise que lle fixese un chanchullo ou que non me dixese nada dun traballo. Pero o mellor non foi isto, senón cando me deu a seguinte explicación:
-É que claro, foi unha pena, porque eu non me din conta antes de que se apuntase, senón cun par de días que fose a clase xa lle chegaba para darlle o título.
Seguramente o conserxe non se lembraba da conversa que tivemos o primeiro día de clase, no que me dicía que ao xenro en cuestión lle viría moi ben o curso para as oposicións e tampouco se lembraba cando eu lle dicía que se quería aínda estaba a tempo de se incorporar ao curso...
Afortunadamente para min puiden ser moi correcta, sen dicirlle o que eu realmente pensaba do xenro, del e do chanchullo, dicíndolle a verdade:
-É que éme imposible facer nada, porque xa entreguei as actas...
En fin, creo que xa hai chanchullos de abondo en xeral, e nos cursos de galego da Xunta en concreto, como para que eu tamén contribúa con máis un.